Friday 17 de May de 2024

Recepción a Iván Parada e Juan Manuel Pérez tras os seus éxitos no mundial de Kempo


Iván Parada e Juan Manuel Pérez foron obxecto dunha recepción no salón de plenos do Concello na que estiveron calorosamente arroupados por integrantes do Club Kempo Barbanza e outros acompañantes, logo dos seus éxitos coa selección española no campionato mundial disputado en Albufeira a finais de abril, no que obtiveron tres e unha medalla, respectivamente.

O alcalde Manuel Ruiz felicitou aos dous deportistas e salientou o traballo que están facer a nivel de club. Tamén avanzou que o Concello vai poder incrementar as axudas ao deportes este ano en 40.000 euros máis que o ano pasado.

Tanto Juan Manuel como Iván agradeceron aos seus familiares, amigos e membros do club o seu apoio e significaron a importancia, por enriba dos logros, de practicar un deporte cos hábitos de vida saudable e bo compañeirismo que isto conleva.

“Nós somos un espello que vós tedes que superar”, manifestou Iván Parada aos rapaces asistentes antes de poñer fin ao acto cunha foto de familia.